Fotos e vídeos
Unha das tarefas da Unidade de Comunicación e Proxección pública consiste na creación e coordinación de material audiovisual relacionado coa actividade do centro. Isto inclúe tanto a produción de vídeos como a cobertura fotográfica dos eventos celebrados no CiTIUS, así como a realización de fotografías institucionais do persoal investigador.
A unidade encárgase tamén da organización de sesións fotográficas con estudos externos cando é necesario (por exemplo, para renovación de perfís institucionais, campañas específicas ou materiais corporativos), ademais da toma de imaxes baixo demanda en casos concretos vinculados a proxectos, premios, comunicación científica ou necesidades de difusión específicas.
No caso dos vídeos, estes teñen un espazo propio na web pública onde poden ser consultados. A continuación, enuméranse as seccións nas que está dividida a Videoteca da web:
| Tipoloxía | Descrición |
|---|---|
| Proxectos en curso (#meetourprojects) | Neste apartado publícanse vídeos en inglés que presentan proxectos de investigación H2020 ou Horizon Europe desenvolvidos no CiTIUS. |
| Últimos eventos | Esta sección recolle as gravacións dos eventos públicos máis recentes celebrados no centro. Para ver eventos anteriores, pódese consultar a sección de histórico. |
| Igualdade | Inclúe todos aqueles vídeos que compartan unha perspectiva de xénero, poñendo en valor o papel da muller no eido científico e, máis especificamente, nas áreas STEM (Science, Technology, Engineering, Mathematics). |
| Podcasts | Todos os podcasts producidos polo centro pódense consultar neste apartado. Os distintos episodios, conducidos por persoal investigador do CiTIUS, contan con convidados/as externos/as que sobresaen en diversas contornas sociais. |
| Divulgación | Nesta categoría amósase a maior variedade da Videoteca. Inclúese aquí unha ampla gama de pezas audiovisuais destinadas a divulgar a actividade investigadora do centro, a través de vídeos relacionados con proxectos, entregas de premios ou eventos de divulgación. |
Estas categorías están suxeitas a posibles modificacións en función da actualidade informativa do CiTIUS. A súa evolución dependerá do contexto, podendo ser substituídas por categorías novas ou, chegado o caso, coexistir con categorías adicionais. O obxectivo é reforzar o labor de divulgación que mellor corresponda en cada momento, segundo recomenden as circunstancias.
O histórico de todos os vídeos publicados polo CiTIUS desde a súa creación no ano 2012 pódese consultar na canle oficial do centro en Youtube.
Para acceder ao histórico completo de vídeos do centro (incluíndo aqueles de carácter interno, restrinxidos ao persoal), debes solicitar acceso á canle de Formación CiTIUS en Microsoft Teams.