Acendido e apagado remoto de equipos

Acendido e apagado remoto de equipos

Descrición do servizo

Acendido (e apagado) de equipos de forma remota mediante web.

Con este servizo, non é necesario que deixes prendido o teu equipo se pensas que podes necesitar facer uso del pola noite, no fin de semana ou durante unha estancia fóra.

Para que o sistema de acendido funcione o equipo debe ter o Wake on Lan activado. Moitos dos equipos xestionados pola Unidade de Xestión de Infraestruturas TIC xa o teñen habilitado, pero recomendamos probar se funciona a primeira vez.

Acceso ó servizo

O servizo está accesible mediante a URL https://apps.citius.usc.es/wakeonlan/.

Manual de usuario

Aparecerá o listado dos equipos que tes permitido apagar ou acender, xunto co seu estado actual. Os equipos que aparecerán serán o teu propio equipo (máximo un equipo por roseta), e os servidores que teñan apagado automático, poidan ser acendidos mediante este sistema e teñas acceso concedido.

Segundo o estado de cada equipo, podes acender ou apagar o equipo:

  • Indicador apagado (gris): O equipo está apagado, podes acendelo pulsando o botón. Non hai forma de detectar se o equipo acende ou non correctamente ata que arranque, polo que a aplicación esperará un minuto antes de volver a intentar ver o estado do equipo, e entón volverá a consultalo. Se o equipo permanece apagado (gris) seguramente o equipo teña desactivado o Wake on Lan na BIOS ou na tarxeta de rede.
  • Indicador acendido (azul estático): O equipo está acendido, podes apagalo pulsando o botón. Só se poden apagar mediante este sistema os equipos con Ubuntu 18.04 do CITIUS. O resto dos equipos recibirán un error ó intentar apagalos. Os servidores con apagado automático non se poden apagar manualmente, e o botón aparecerá sombreado.
  • Indicador traballando (azul en movemento): O equipo está sendo acendido ou apagado neses momentos, e non podes facer nada. O indicador estará neste estado durante un minuto e medio tras acender ou apagar o equipo.
O apagado só está soportado nos sistemas co sistema operativo Ubuntu 18.04 do CiTIUS.

Preme no botón Logout para pechar sesión na aplicación.

Cambios

Versión 1.3

  • Soporte de apagado para Ubuntu 18.04.

Versión 1.2

  • Recoñece o login da páxina principal do centro http://citius.usc.es/, de forma que ó estar logeado alí non é necesario volver a logearse.
  • 1.2.3: Utiliza directamente o formulario de login do centro en caso de non estar logeado.

Versión 1.1

  • Se o equipo non se pode apagar nin acender, non aparece no listado.
  • Se o equipo non se pode apagar, non aparece o botón de apagar.
  • Se o equipo non se pode acender, non aparece o botón de acender.

Preguntas frecuentes

Tras premer no botón de acendido, aparece o indicador azul en movemento e despois volve ó indicador de apagado

Esto pode ser debido a varias causas:

  • O equipo está atascado nalgunha secuencia de arranque (BIOS, menú do Grub, etc.) e require intervención manual.
  • O equipo non está conectado á rede.
  • O equipo non está correctamente configurado para Wake on lan. Pode pasar a primeira vez que probes a ferramenta. Avisa á Unidade de Xestión de Infraestruturas TIC en citius.tic@usc.es para que lle boten unha ollada á configuración do teu equipo.

Tras premer no botón de acendido, aparece o indicador azul en movemento, despois volve ó indicador de apagado durante uns segundos e despois aparece o indicador de acendido

O sistema non ten forma de comprobar se o equipo está acendendo de verdade, polo que tras enviar o sinal de acendido, agarda un minuto e medio antes de volver mostrar o estado real. Se pasado ese minuto e medio o equipo aínda non acendeu, pero remata máis tarde, é posible que o indicador volva ó estado de apagado durante uns segundos e, unha vez acendido, apareza finalmente o estado correcto.

Tras premer no botón de apagado, aparece o indicador azul en movemento e despois volve ó indicador de acendido

Isto pode ser debido a que o sistema quedou atascado nalgunha secuencia de apagado e requira intervención manual.

O botón de acendido/apagado aparece sombreado e non podo pulsar nel

Algúns equipos non se poden apagar ou acender, e estando acendidos ou apagados terán o botón deshabilitado, dependendo das accións que estean permitidas.

Non aparece o meu equipo na lista de equipos que podo acender/apagar

Avisa á Unidade de Xestión de Infraestruturas TIC en citius.tic@usc.es. Os equipos asígnanse manualmente e é posible que haxa algún erro.